Saturday 04 de May de 2024

Paisaxe e deporte únense nunha nova edición do Trail Serra do Barbanza


O deporte ten un forte peso no calendario de actividades da Pobra do Caramiñal neste mes de abril. Un ano máis, o Concello, a Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza organizan o Trail Serra do Barbanza, que será á súa vez a X Carreira de Montaña Concello da Pobra do Caramiñal e VIII Campionato de Galicia Absoluto e das categorías sub-20, sub-23 e máster de Trail de 2023.

Así o deron a coñecer no miradoiro de Valle-Inclán a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; o presidente da FGA, Iván Sanmartín; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

Precisaron, tamén, que se extraerá deste evento a selección que representará a Galicia no Campionato de España que se disputará no mes de maio.

Agárdase que a participación supere as e os 250 deportistas que se citarán no 9 de abril, ás 10.00 horas, na serra do Barbanza, co miradoiro da Curotiña como lugar de saída e meta. O trail curto consta dunha distancia de 14 quilómetros, mentres que o traxecto ascende aos 25 quilómetros para o propio Trail-Campionato de Galicia. Haberá, ademais, tres puntos de avituallamento no primeiro e catro no segundo.

Farase a entrega dos premios e agasallos a partir das 13.30 horas.

A proba enmárcase na especialidade atlética do Trail-Running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.